sexta-feira, maio 5

5 de maio, visita a Medicina e encontro con Senén Barro

Ola, rapaces e rapazas! Hoxe , seguindo a miña axenda de campaña, erguinme de boa mañá e camiñei polo casco vello de Compostela para me dirixir á Facultade de Medicina. Neste días de tanta actividade, aínda non tivera noticias dos outros dous candidatos á Reitoría da USC, e mira que non será por falta ganas de sentar con eles a unha mesa e debater con todas as da lei... Así as cousas, o que algún candidato non quixo, quíxoo a casualidade, e cando me atopaba en plena visita aos futuros doutores e doutoras, dei de fuciños con Senén Barro, actual Reitor e candidato á reelección encabezando a xa famosa candidatura de concentración.

É ben sabido por todos que o motivo da miña candidatura é precisamente ofrecer unha alternativa do estudantado aos proxectos dos outros dous candidatos. Tamén teño críticas abondo para o labor que a actual equipa reitoral desenvolveu nos últimos catro anos. Tal e como me teñen comentado os rapaces dos CAF, subas de taxas, recurtes de servizos, a crise económica... non son precisamente como para botar foguetes. Mais sendo todo isto verdade, non o é menos que a cortesía é fundamental, e aproveitei a ocasión para tomar unha fotografía con Senén Barro -para que logo ninguén diga que os porcos bravos non temos modales-. El saíu moi sorrinte e eu máis delgadiño que de costume, non vos parece?

Xa reposto da emoción do encontro, fun almorzar á cafetaría da facultade (menos mal que é xa primavera porque, en inverno dixéronme que ía un frío...) e despois fixen un percorrido cuns estudantes que me acompañaron, ainda que con présas, posto que tiñan que voltar rápido á aula porque non lles deixan nin uns minutos entre clase e clase!

Fomos ata a biblioteca e... ai nen@s!, foime moi complicado entrar por aquela porta tan estreita!! E eu que ía con toda a boa vontade aprender un pouco de anatomía... E claro, despois tiña que facer unha parada de urxencia para ir ao baño pero puff...estabamos no 1º andar e só teñen no -2 ou no 2º!! Aiss... Ao rematar leváronme ao aula de informática porque querían imprimir un traballo pero, que pasou? Como me comentaron que soe suceder habitualmente, estaba pechada ainda que debería estar aberta!

E xa logo tiven que marchar que os rapaces andaban moi atarefados, con isto das práticas que teñen e das clases extras que lles dan porque os profesores non acaban a materia nas horas que teñen!! Que lle imos facer.... Pasádeo ben, boa fin de semana, oink