27 de abril,visita ao Burgo das Nacións
Ola de novo! Onte dediquei a tarde a visitar a Residencia do Burgo das Nacións e os seus arredores. Nada máis chegar ao Burgo atopei algúns estudantes que se ofreceron a guiarme polas instalacións e, de paso, achegarme cales son os problemas fundamentais da que, polo menos durante o curso académico, é a súa casa.Unha das cousas que máis me interesou foi a cuestión económica, xa que as residencias universitarias son, en teoría, a solución para aqueles alumnos da USC con menores recursos. Os residentes non tardaron en contarme que nos últimos anos as cotas das residencias subiron un 23%, e que o ano pasado "case quedan na rúa". Todo pola incompatibilidade das bolsas do Ministerio de Educación e as prazas subvencionadas pola propia universidade -outro galo cantaría se as bolsas fosen xestionadas dende Galiza, penso eu-. Seica o ano pasado, a Vicerreitoría puxo un parche no problema coa creación das bolsas de comedor, pero a verdade é que os residentes non están moi tranquilos coa "solución".
Por poñerlle un pouco de humor á cousa, suxerín que se non gaño as eleccións á Reitoría, o mesmo me presentaba á dirección dunha residencia para amañar as cousas dende dentro. Foi aquí cando me enterei que isto sería imposíbel, porque os directores/as das residencias non se elixen democraticamente, senón que son designados dende a Vicerreitoría, e iso non soa moi... lexítimo.
Como levaba algo de présa, tentei escribir estas liñas no meu blog empregando a rede wi-fi da residencia, pero logo de varias tentativas de conectar, deixeino por imposíbel. Marchei atravesando o patio da residencia e fixen unha foto diante do mural que os CAF pintaron o curso pasado, ben xeitoso por certo. Boa ponte e boa celebración do Primeiro de Maio, oink!





