quinta-feira, maio 4

4 de maio. Visita a Ciencias da Comunicación

O percorrido da campaña levoume hoxe ata a Facultade de Ciencias da Comunicación. A verdade é que o edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza é ben bonito: mobles modernos, espazos amplos... mágoa que non estea todo o preparado que debera para ter dentro máis de seiscentos estudantes todos os días. Ao chegar alí, os rapaces dos CAF xa estaban agardando por min cun bo número de compañeiros, para guiarme pola falcultade e contarme algunhas cousas da vida diaria dos futuros xornalistas e comunicadores audiovisuais.

A nosa primeira parada foi na cafetaría. Case todas as materias das dúas titulacións desta facultade, moi práticas, obrigan aos estudantes a facer moitos traballos, a cafetaría é algo así coma o seu centro de operacións. Guións de radio e televisión, reflexións sobre os medios... mestúranse nas mesas co café e as torradas. Para escribir alí non teñen moito problema, agora ben, para escoitárense, xa é outro conto, a voz e o ruído do movemento de cadeiras obriga a berrar coma se estiveses dando un mitin continuo, e iso para a campaña electoral está ben, pero todos os días... ten que cansar.

Continuei a visita por un par de aulas. A verdade é que levei unha sorpresa positiva no que respecta ao idioma... polo que puiden ver, e tamén polo que me comentaron os compañeiros, a maior parte das materias son impartidas en galego. Agora ben, para asistir a estas aulas os rapaces e rapazas teñen que sentar nunhas cadeiras moi de deseño pero que martirizan as costas de todos e que como se movan un pouco, adeus cadeira! A maioría deles sufriran algunha boa cuada ao rachar a cadeira na que estaban sentados nunha aula.

Se a cafetaría é un dos centros neurálxicos, o outro son as aulas de informática. Despois de meterme como puiden entre a ringleira de xente que había agardando por un ordenador (a maioría coñecíanme e deixáronme pasar...), observei que para imprimir calquera dos moitos traballos e guións que os estudantes teñen que entregar ao longo do curso, había que ir con paciencia e botarlle unha dose de fe para que o maquinillo funcione como debe. Iso si, antes debes pasar pola reprografía para mercar un paquetiño de folios, que senón, nada. Houbo quen se puxo a facer contas dos cartos que levaba gastados en folios, e preferiu non seguir.

A mañá pasoume voando, pero non quixen marchar sen coñecer o local de estudantes. É bastante amplo, aínda que os rapaces dos CAF teñen que sentar por turnos, porque non hai cadeiras para todos, e agudizar ben a vista, porque luz, o que se di luz, non teñen moita (éche o que teñen os cuartos interiores). Alí os deixei, cos preparativos do acto que fan esta tarde co gallo do Día da Liberdade de Expresión, que se celebrou onte. Contáronme que van proxectar o filme Cine Clube Carlos Varela, de Ramiro Ledo, no que se poden ver moitas das loitas obreiras e labregas dos anos 70 en Galiza.Ao saír do edificio, quixen mercar o xornal nunha máquina expendedora que teñen por alí... pero seica hai varios anos que o único que fai é ocupar espazo.

1 Comentarios:

At 20/5/07 19:29, Anonymous Anónimo dixo...

Con esa foto mudas o recordo que teño da faculdade enmarcada por unha cor gris de fondo con nubes densas mentres dentro, as sete da tarde, as luces laranxas aluman os currunchos dividindo a facultade tan grande, fría e pétrea.
En todo este ano nunca recordei a facultade, nin un solo día, rodeada por tan bo tempo con nubes que semellan de mousse de iogurt.
É un post medio tonto que non ten que ver pero bueno, illei por un intre a tristeza que rodea ó campus norte.

 

Enviar um comentário

<< Home