sexta-feira, abril 28

27 de abril,visita ao Burgo das Nacións

Ola de novo! Onte dediquei a tarde a visitar a Residencia do Burgo das Nacións e os seus arredores. Nada máis chegar ao Burgo atopei algúns estudantes que se ofreceron a guiarme polas instalacións e, de paso, achegarme cales son os problemas fundamentais da que, polo menos durante o curso académico, é a súa casa.

Unha das cousas que máis me interesou foi a cuestión económica, xa que as residencias universitarias son, en teoría, a solución para aqueles alumnos da
USC con menores recursos. Os residentes non tardaron en contarme que nos últimos anos as cotas das residencias subiron un 23%, e que o ano pasado "case quedan na rúa". Todo pola incompatibilidade das bolsas do Ministerio de Educación e as prazas subvencionadas pola propia universidade -outro galo cantaría se as bolsas fosen xestionadas dende Galiza, penso eu-. Seica o ano pasado, a Vicerreitoría puxo un parche no problema coa creación das bolsas de comedor, pero a verdade é que os residentes non están moi tranquilos coa "solución".

Por poñerlle un pouco de humor á cousa, suxerín que se non gaño as eleccións á Reitoría, o mesmo me presentaba á dirección dunha residencia para amañar as cousas dende dentro. Foi aquí cando me enterei que isto sería imposíbel, porque
os directores/as das residencias non se elixen democraticamente, senón que son designados dende a Vicerreitoría, e iso non soa moi... lexítimo.
Como levaba algo de présa, tentei escribir estas liñas no meu blog empregando a rede wi-fi da residencia, pero logo de varias tentativas de conectar, deixeino por imposíbel. Marchei atravesando o patio da residencia e fixen unha foto diante do mural que os CAF pintaron o curso pasado, ben xeitoso por certo. Boa ponte e boa celebración do Primeiro de Maio, oink!

terça-feira, abril 25

25 de abril, gran xantar e visita a Dereito

Hoxe comezou a miña andaina pola USC para coñecer de preto a situación da Universidade e especialmente do estudantado. Despois de xantar con máis de 1000 estudantes a base de landra da terra e viño do país, fun de visita á Facultade de Dereito.
Alí achegáronse (primeiramente con medo) varias rapazas e rapaces que me contaron cousas moi interesantes. Todos eles levaban abanos porque a calefacción aínda estaba encendida e menos mal que me regalaron un, xa que nada máis entrar deume un sofocón. Dixéronme que había asignaturas nas que aprobar era case imposíbel e nas que os créditos eran máis amplos do normal.
Despois fun con elas/eles ata a aula de estudo. Cando sentei nas mesas atacoume unha dor de costas que xa era habitual nas/nos estudantes de Dereito. Tamén fun a varias clases nas que non entendía o idioma no que falaban os profesores, xa que a docencia non a impartían en galego.

Antes de marchar da Facultade leváronme a visitar a Exposición dos 23 anos de historia dos CAF, na que puiden ver parte do extensísimo traballo que estes realizaron durate a súa existencia. Pasando por diante da biblio que chaman Conchita, case dou cos fuciños no chan ao tropezar cunha das moitas baldosas levantadas e menos mal que non chovía...!!!!
Foi un día moi duro. Espero que mañá sexa máis gratificante a miña próxima visita. oink, oink

segunda-feira, abril 10

Xabarín á Reitoría!

Ola!!! Son Xabarín. Nacín hai pouco máis de catro anos nunha esquina do interior do Pazo de San Xerome.Alí medrei,pasando fame en época de crise, pagando cada día máis para que me ensinaran a ler e escribir, facendo números para ter onde durmir...

Un día chegaron os CAF, ofrecéronme sair do patio para pasar á butaca e aquí estou... Disposto a un mandato para os estudantes no que reflectirei todo o que os Comités me ensinaron: o ensino é un dereito de todas e todos; a docencia e os servizos teñen que ser de cualidade;...

Neste proceso queremos contar coas túas aportacións, por iso pasarei por todas as Facultades para falar con todas e todos vós e para que me fagades chegar as vosas suxestións. Tamén podedes facelo acercándovos ás mesas que os CAF instalarán nos centros. Así mesmo, a través deste blog, teredes puntual información das miñas visitas e accións, do programa de goberno e de todos os temas relativos a esta campaña.
De calquera xeito,e se non logramos o sillón (porque tamén hai un sistema para silenzar o voto do estudantado) desde as butacas de enfrente os CAF loitarán co meu espírito!!

O estudantado precisa un Reitor propio;

XABARÍN A REITOR!!