terça-feira, maio 9

8 de maio, peche de campaña

Ola! Onte cheguei abafado á casa. O derradeiro día da campaña electoral conseguiu esgotarme. Comecei o día ben cediño, collendo o coche e, con algúns rapaces dos CAF, que boa man me botaron ao longo de todos estes días, percorrín o campus norte no coche de campaña e fixen unha paradiña na Facultade de Ciencias da Comunicación para tomar un café e, de paso, facer un reparto de papeletas electorais... case me ruboricei coas loubanzas dalgúns estudantes, que me viñan asegurar o seu voto, así dá gusto!
Pola tarde, foi o turno do campus sur, máis reparto de papeletas e tamén un último achegamento á realidade do estudantado, mais non vos aburrirei co tema, que xa abondo vos contei nos últimos días. Xa para pechar o día, o meu equipo electoral en pleno e mais eu, moitos membros dos CAF e unha morea de estudantes xuntámonos no Obradoiro para celebrarmos o mitin de peche de campaña, que podedes ver na foto, e que serviu de boa conclusión a case dúas semanas de propostas, encontros e esperanzas para que, a partir de mañá, a USC sexa mellor. OINK!

sexta-feira, maio 5

5 de maio, visita a Medicina e encontro con Senén Barro

Ola, rapaces e rapazas! Hoxe , seguindo a miña axenda de campaña, erguinme de boa mañá e camiñei polo casco vello de Compostela para me dirixir á Facultade de Medicina. Neste días de tanta actividade, aínda non tivera noticias dos outros dous candidatos á Reitoría da USC, e mira que non será por falta ganas de sentar con eles a unha mesa e debater con todas as da lei... Así as cousas, o que algún candidato non quixo, quíxoo a casualidade, e cando me atopaba en plena visita aos futuros doutores e doutoras, dei de fuciños con Senén Barro, actual Reitor e candidato á reelección encabezando a xa famosa candidatura de concentración.

É ben sabido por todos que o motivo da miña candidatura é precisamente ofrecer unha alternativa do estudantado aos proxectos dos outros dous candidatos. Tamén teño críticas abondo para o labor que a actual equipa reitoral desenvolveu nos últimos catro anos. Tal e como me teñen comentado os rapaces dos CAF, subas de taxas, recurtes de servizos, a crise económica... non son precisamente como para botar foguetes. Mais sendo todo isto verdade, non o é menos que a cortesía é fundamental, e aproveitei a ocasión para tomar unha fotografía con Senén Barro -para que logo ninguén diga que os porcos bravos non temos modales-. El saíu moi sorrinte e eu máis delgadiño que de costume, non vos parece?

Xa reposto da emoción do encontro, fun almorzar á cafetaría da facultade (menos mal que é xa primavera porque, en inverno dixéronme que ía un frío...) e despois fixen un percorrido cuns estudantes que me acompañaron, ainda que con présas, posto que tiñan que voltar rápido á aula porque non lles deixan nin uns minutos entre clase e clase!

Fomos ata a biblioteca e... ai nen@s!, foime moi complicado entrar por aquela porta tan estreita!! E eu que ía con toda a boa vontade aprender un pouco de anatomía... E claro, despois tiña que facer unha parada de urxencia para ir ao baño pero puff...estabamos no 1º andar e só teñen no -2 ou no 2º!! Aiss... Ao rematar leváronme ao aula de informática porque querían imprimir un traballo pero, que pasou? Como me comentaron que soe suceder habitualmente, estaba pechada ainda que debería estar aberta!

E xa logo tiven que marchar que os rapaces andaban moi atarefados, con isto das práticas que teñen e das clases extras que lles dan porque os profesores non acaban a materia nas horas que teñen!! Que lle imos facer.... Pasádeo ben, boa fin de semana, oink

quinta-feira, maio 4

4 de maio. Visita a Ciencias da Comunicación

O percorrido da campaña levoume hoxe ata a Facultade de Ciencias da Comunicación. A verdade é que o edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza é ben bonito: mobles modernos, espazos amplos... mágoa que non estea todo o preparado que debera para ter dentro máis de seiscentos estudantes todos os días. Ao chegar alí, os rapaces dos CAF xa estaban agardando por min cun bo número de compañeiros, para guiarme pola falcultade e contarme algunhas cousas da vida diaria dos futuros xornalistas e comunicadores audiovisuais.

A nosa primeira parada foi na cafetaría. Case todas as materias das dúas titulacións desta facultade, moi práticas, obrigan aos estudantes a facer moitos traballos, a cafetaría é algo así coma o seu centro de operacións. Guións de radio e televisión, reflexións sobre os medios... mestúranse nas mesas co café e as torradas. Para escribir alí non teñen moito problema, agora ben, para escoitárense, xa é outro conto, a voz e o ruído do movemento de cadeiras obriga a berrar coma se estiveses dando un mitin continuo, e iso para a campaña electoral está ben, pero todos os días... ten que cansar.

Continuei a visita por un par de aulas. A verdade é que levei unha sorpresa positiva no que respecta ao idioma... polo que puiden ver, e tamén polo que me comentaron os compañeiros, a maior parte das materias son impartidas en galego. Agora ben, para asistir a estas aulas os rapaces e rapazas teñen que sentar nunhas cadeiras moi de deseño pero que martirizan as costas de todos e que como se movan un pouco, adeus cadeira! A maioría deles sufriran algunha boa cuada ao rachar a cadeira na que estaban sentados nunha aula.

Se a cafetaría é un dos centros neurálxicos, o outro son as aulas de informática. Despois de meterme como puiden entre a ringleira de xente que había agardando por un ordenador (a maioría coñecíanme e deixáronme pasar...), observei que para imprimir calquera dos moitos traballos e guións que os estudantes teñen que entregar ao longo do curso, había que ir con paciencia e botarlle unha dose de fe para que o maquinillo funcione como debe. Iso si, antes debes pasar pola reprografía para mercar un paquetiño de folios, que senón, nada. Houbo quen se puxo a facer contas dos cartos que levaba gastados en folios, e preferiu non seguir.

A mañá pasoume voando, pero non quixen marchar sen coñecer o local de estudantes. É bastante amplo, aínda que os rapaces dos CAF teñen que sentar por turnos, porque non hai cadeiras para todos, e agudizar ben a vista, porque luz, o que se di luz, non teñen moita (éche o que teñen os cuartos interiores). Alí os deixei, cos preparativos do acto que fan esta tarde co gallo do Día da Liberdade de Expresión, que se celebrou onte. Contáronme que van proxectar o filme Cine Clube Carlos Varela, de Ramiro Ledo, no que se poden ver moitas das loitas obreiras e labregas dos anos 70 en Galiza.Ao saír do edificio, quixen mercar o xornal nunha máquina expendedora que teñen por alí... pero seica hai varios anos que o único que fai é ocupar espazo.

quarta-feira, maio 3

3 de maio, Facultade de Ciencias Políticas

Hoxe continuei o meu percorrido de campaña pola Facultade de Ciencias Políticas, e como era mañá cedo, fun almorzar cuns estudantes unhas papas de leite, landras e pan á cafeteria do COIE. Logo de encher o bandullo deron as 9 e fun con eles á primeira clase xa que aínda quedaban moitas cousas que falar... pero case fora mellor esperalos á saída!! Pensei que morría!!! 1h e 30 min de clase, e se aínda fosen divertidas e amenas... pero non!!

O profesor chegou, deu os bos días, sentou, sacou de apuntamentos e comezou a dictar, letra a letra, punto por punto a un ritmo un tanto acelerado ata que rematou a clase que recolleu as cousas e marchou. Os fuciños comezáronme a inchar e estiven a punto de ir detrás del e morderlle o cu por tanta desfachatez. Mais non foi iso o único, senón que aínda por riba deu a clase en castelán, menudo escándalo! bueno o de “clase” deixa moito que desexar, mellor deixémolo en “dictado”.

Contáronme que a maioría do profesorado seguen ese sistema de docencia e que cada curso é igual que os anteriores. Pero o que máis me sorprendeu foi cando lles dixen que me gustaria asistir a algunha clase práctica, onde che ensinan a argumentar e a debater , que iso tiña pinta de ser máis entretido e interesante. A miña pel tornou de cor e o meu suor comezouse a ulir dende a entrada da facultade cando eles me contestaron que non tiñan tal, e que a maioría dos créditos práticos non se daban e se computaban como teóricos ou simplemente lles daban unha data para entregarlles un traballo!! Menudo horror!!

Subimos logo á aula de informática a mirar o correo e de paso facer algúns axustes no blog, pero xa non puidemos pasar do marco da porta porque esta estaba ocupada por un curso para estudantes ERASMUS ata as 12 da mañá que pechaba. Daquela, miramos de volvermos á tarde, pero non abre, así que veña, correndo á Conchi (a biblioteca). Pero o máis gracioso foi que alí tivemos que agardar; 45 min á espera de que algún ordenador quedase baleiro. O máis triste foi cando tivo que vir o garda de seguridade a traerme unha cadeira para me sentar porque me mareei coa calor!!.

A media mañá tocou facer pegada dos cartaces para as eleccións e repartir algúns trípticos anunciando as “Xornadas sobre os movementos sociais” que organizan os CAF da facultade dende onte e ata o día 9 de maio polas tardes, pero quedei parvo cando vin que gardaban o material nun armario pequeno de todo no chamado “local de estudantes”, dinme de conta que tampouco tiñan un local propio para eles porque na facultade non había espacio dabondo.

Un pouco desilusionado coa política impartida nesa facultade de tanto prestixio, despedinme da xente e fun dar unha volta e comer algunhas landras máis pola carballeira de San Lourenzo.

terça-feira, maio 2

2 de maio, Facultade de Historia, Arte e Xeografía

Ola dende Historia!! Esta mañá @s rapaces/as dos CAF desta facultade leváronme de paseo por ela!! Teñó que dicir que é unha verdadeira xoia, mais non está moi ben coidada. Fixeime que hai aulas que teñen que ser moi vellas e así o é porque me comentaron estes dos CAF que as había que en máis de 40 anos non renovaran o mobiliario.
Quedei impresionado coa biblioteca. Unha verdadeira marabilla!! Pero, como en case todo o que hai na USC, ten a súa pega: o chan é de madeira e renxe que dá gusto; ademáis puiden comprobar in situ como @s pobres estudantes que tentan alí traballar son molestados por pandas de guiris que veñen visitar a biblioteca. Hai que rematar con isto.
Como xa levabamos un bo anaco paseando, entráronme ganas de acudir aos cuartos de baño. Cal foi a miña sorpresa ao ver que estes estaban pechados e que só podías acceder se tiñas activada a tarxeta da USC. Sorte que non tiña unha urxencia!!

Cando caía a tarde falei cun grupo de rapazas de Historia da Arte que me comentaron as mobilizacións que o curso pasado fixeran para que esta titulación seguise existindo no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Quedei abraiado cando comentaban que era algo que viña xa aí e que non tiñan practicamente información sobre este tema por parte da USC ou do Ministerio de Educación. Doíalles que para unha cousa tan importante non se estiveran contando co estudantado.

Hoxe penso que me deitarei cavilando niso do EEES. Cheguei tamén á conclusión de que se chego a ser Reitor desta Universidade vou facer todo o posible para que @s estudantes teñan máis información e poidan participar activamente nas decisións da USC, por algo son unha inmensa maioría, que agora está marxinada.

sexta-feira, abril 28

27 de abril,visita ao Burgo das Nacións

Ola de novo! Onte dediquei a tarde a visitar a Residencia do Burgo das Nacións e os seus arredores. Nada máis chegar ao Burgo atopei algúns estudantes que se ofreceron a guiarme polas instalacións e, de paso, achegarme cales son os problemas fundamentais da que, polo menos durante o curso académico, é a súa casa.

Unha das cousas que máis me interesou foi a cuestión económica, xa que as residencias universitarias son, en teoría, a solución para aqueles alumnos da
USC con menores recursos. Os residentes non tardaron en contarme que nos últimos anos as cotas das residencias subiron un 23%, e que o ano pasado "case quedan na rúa". Todo pola incompatibilidade das bolsas do Ministerio de Educación e as prazas subvencionadas pola propia universidade -outro galo cantaría se as bolsas fosen xestionadas dende Galiza, penso eu-. Seica o ano pasado, a Vicerreitoría puxo un parche no problema coa creación das bolsas de comedor, pero a verdade é que os residentes non están moi tranquilos coa "solución".

Por poñerlle un pouco de humor á cousa, suxerín que se non gaño as eleccións á Reitoría, o mesmo me presentaba á dirección dunha residencia para amañar as cousas dende dentro. Foi aquí cando me enterei que isto sería imposíbel, porque
os directores/as das residencias non se elixen democraticamente, senón que son designados dende a Vicerreitoría, e iso non soa moi... lexítimo.
Como levaba algo de présa, tentei escribir estas liñas no meu blog empregando a rede wi-fi da residencia, pero logo de varias tentativas de conectar, deixeino por imposíbel. Marchei atravesando o patio da residencia e fixen unha foto diante do mural que os CAF pintaron o curso pasado, ben xeitoso por certo. Boa ponte e boa celebración do Primeiro de Maio, oink!

terça-feira, abril 25

25 de abril, gran xantar e visita a Dereito

Hoxe comezou a miña andaina pola USC para coñecer de preto a situación da Universidade e especialmente do estudantado. Despois de xantar con máis de 1000 estudantes a base de landra da terra e viño do país, fun de visita á Facultade de Dereito.
Alí achegáronse (primeiramente con medo) varias rapazas e rapaces que me contaron cousas moi interesantes. Todos eles levaban abanos porque a calefacción aínda estaba encendida e menos mal que me regalaron un, xa que nada máis entrar deume un sofocón. Dixéronme que había asignaturas nas que aprobar era case imposíbel e nas que os créditos eran máis amplos do normal.
Despois fun con elas/eles ata a aula de estudo. Cando sentei nas mesas atacoume unha dor de costas que xa era habitual nas/nos estudantes de Dereito. Tamén fun a varias clases nas que non entendía o idioma no que falaban os profesores, xa que a docencia non a impartían en galego.

Antes de marchar da Facultade leváronme a visitar a Exposición dos 23 anos de historia dos CAF, na que puiden ver parte do extensísimo traballo que estes realizaron durate a súa existencia. Pasando por diante da biblio que chaman Conchita, case dou cos fuciños no chan ao tropezar cunha das moitas baldosas levantadas e menos mal que non chovía...!!!!
Foi un día moi duro. Espero que mañá sexa máis gratificante a miña próxima visita. oink, oink